27.9.01

IV Camiño de Sossusvlei



Cando escurece segues a ver o sol, que como unha pelota de pimpón laranxa faise cada vez máis pequena ata caer case que de golpe perdéndose de vista en segundos. Ó mencer sen embargo, co día xa vestido, sae a pelota de pimpón que crecerá amareleando rapidamente ata que de tan quente non a poidas, nin a queiras, mirar.
Para durmir buscamos acubillo baixo unhas árbores –aquí toda a vida está baixo as árbores– e non estivemos sós, unha partida de traballadores que arranxan as pistas foron os nosos veciños. Eles durmiron ó relente, tapados cunhas mantas; nós en tendas de campaña.
Espertei cedo e andei en dirección a un canón próximo que na época de chuvias acolle un río caudaloso. Do outro lado do canón vin dous rebaños de orix. ¿E ese ruído? Parecía un sapo, non, moitos sapos e moi distantes uns dos outros. Tentei de achegarme, pero era dar uns pasos, devagarísimo, e nada ¡silencio!, despois acordeime, porque o vira nunha reportaxe, que son uns grandes e ruidosos escaravellos. O chan estaba cheo de pisadas por todas partes, parecía que durmiramos entre rabaños de animais. Claro, en África, pola calor, todo se move de noite. Ás veces esquézome que estamos no deserto.


A herba amarela ía cubrindo a area coa velocidade do coche. Un pouco máis adiante vimos dúas mulleres e uns pequenos por abaixo da pista, recollendo auga dunha poza que producía dor de estómago tan só mirala. Segundo parece están acostumados a esta auga e non lles pasa nada por beber dela, pero eu non creo que isto sexa certo, dimo o estómago e o corazón.
A través da paisaxe semidesértica ían aparecendo orix e avestruces que nos servían de distracción. Falabamos dende un 4x4 a outro: “Atención, vehículo na proa” (outro coche que viña); ou tamén:“Parella de avestruces pola dereita”,”Corto e cambio”, “Eu tamén”, “Copio”... E así ata chegar a Solitaire, unha estación de servizo con bar-tenda moi especial. Dous surafricanos compraron esta farma que é como por aquí lles chaman ás granxas e montaron esta gasolineira que está a case que trescentos quilómetros de toda “civilización”. Pregúntome como en lugar tan apartado e con tan pouco negocio, os empregados son tantos e negros, aínda que o bar o atenden os surafricanos brancos. Chamoume tamén a atención unha carne seca de diferentes animais: vaca, kudu, ostrix, orix.... Jesús díxome que se chamaba “Bilton” que a de Solitaire era de vicio, pero que iriamos comprando de camiño posto que había en todas as farmas e campings.


No camping de Sossusvlei dinnos que non hai sitio, pero que se esperamos dúas horas quizais teña arranxo. Esperamos. Sossusvlei é un Parque Natural, o único lugar permitido ó público dentro do deserto do Namib, e este é o único camping dentro do parque. Dende aquí éntrase case ata o mar por unha soa estrada entre dunas inmensas até chegar ás abas das dunas máis altas do mundo. A través desa estrada penetramos despois de solucionar o do camping, no deserto do Namib. As dunas interminables forman unha paisaxe máxica de cores non esperadas que cambian coa luz e coa tarde. Impresionaríate ver a cantidade de cores de area que existen e a variedade incrible de animais adaptados a este deserto. Pola estrada vemos moitisimas springs ou gacelas saltarinas, orix, avestruces, tamén cebras, pombas e rulas... A area é practicamente impermeable –dime Jesús– e toda a auga que produce o orballo da noite, esvara polas abas e mantén unha humidade constante nos vales; é por iso que vemos herba e ata algunha árbore pegada ás ladeiras.


Subir ás dunas non é fácil, tes que andar polo vértice da area, desfacéndoo con coidado, se pisabas uns centímetros máis aló o pé entérrase, perdes a verticalidade, precisas de facer un gran esforzo para volver andar. Ademais, a altura cada vez maior dáche sensación de vertixe, sentes que dun momento a outro caerás a rolos ata o fondo dun dos vales que ía conformando a gran duna e que non poderías saír de alí. Ó chegar arriba todo foi ben diferente e atractivo. O infinito dunar, as cores das areas, os miles de pequenos e grandes vales que separan as dunas dándolles perspectiva e profundidade... Todo diferente... e vivo: había todo tipo de escaravellos correndo pola area coma se estiveran a facer surf a velocidades vertixinosas, non parecía que tocaran o chan. Aparecían a cada paso baixo a area e comezaban coas súas carreiras. Non os vimos pero tamén hai elefantes, leóns e leopardos nesta zona, totalmente adaptados ó deserto. E cobras, moitas cobras que tamén viven baixo a area, cobras tan velenosas como a Mamba –que Santi me ensinou antes de vir:“Hai dous tipos, a Mamba branca e a Mamba negra. Diferéncianse pola cor e por que se che pica a branca das dez pasos e coa negra cinco”. Pero non vimos cobras. Eu non puden reprimir as ganas de tirarme dende o alto e fíxeno. Foi divertido a pesar de que a visión da mamba diante miña non me deixou pasalo ben de todo.
De volta paramos na duna 74,  que vai papando ós poucos as árbores que sobreviven no fondo das ladeiras, pero non puidemos ver o anoitecer pois pechan o camping cedo e non está permitido acampar fóra, sería perigoso.


O día seguinte, de volta a Walvis, detivémonos no canón do río Sesriem. Dentro da súa canle estábase fresco. Paseamos o seu leito de río sen auga observando niños de paxaros e pombas nas paredes. Todos buscamos frescor no deserto. As paredes teñen furos e covas que seguramente a auga traducirá en remuíños curiosos de ver dende o exterior, dende a beira, cando o río vai cheo.
Pouco antes de Walvis Bay unha pequena tormenta de area fixo que comprobaramos a formación e movemento continuo das dunas, por veces non se vía a estrada e a area introducíase no 4x4 a través de non sabiamos onde, pero alí estaba. Veriamos tormentas máis grandes pero esta era a primeira e sorprendeunos.

No hay comentarios:

Datos personales