26.9.01

V Etosha



Cruzas espacios abertos de sabana e vas descubrindo ao lonxe estatuas-cebras, ñus atordados, gacelas, grandes kudus, miles de aves e, por fin: xirafas, bastantes xirafas, desconfiadas e fuxidías xirafas que non puideron escapar das miñas fotos.



Encantaríame baixar do 4x4 e buscar encadres pola area, entre as árbores, perseguir xirafas coa cámara e andar atento ó ruxido dalgunha fera: imposible, nin sequera está permitido sacar o corpo polas ventás e moito menos baixar do vehículo, e ademais non viaxo só, o cansazo é compañeiro de viaxe, vai moita calor e mirar animais comeza a resultar monótono. Dentro do parque, para avistar os animais, o máis importante é controlar as pozas onde van beber, así que eliximos o camiño máis directo ó camping coa intención de parar nunha última poza. A pista diríxese deica un pequeno bosque. Dende lonxe apreciamos penedos grandes no meio das árbores. Un movemento, ¿seguro? Déixame os prismáticos: ¡Elefantes, os penedos son elefantes! Seguimos a pista ata o bosque e conforme avanzamos, deixamos de velos porque máis os tapaba o mato. Non os viamos pero intuiamos que estaban alí e isto bastaba para que todo o demais non existise. Entre o mato daquel pequeno bosque había cebras, kudus xigantescos, gacelas saltarinas, ñus, miles de pombas... pero non existían.


Atardecía. O deserto arroupábase de cores que a area matizaba en contraluces quentes e espesos. Estaba acabando un día cheo de sensacións novas. Estabamos cansos e mirabamos sen falar para a pista de area. A sombra que proxectaba o 4x4 non tiña límites, parecía un debuxo animado a xogar entre mato e area. Á esquerda, un camiño indicaba a ultima poza antes do camping e entramos hipnotizados por tres sombras inmensas que o pór do sol proxectaba directamente deica nós, como se ó final da sába branca dunha cama alguén xogase con bonecos diante dunha lámpara. Foron os elefantes máis grandes que vin nunca. Cando chegamos á poza xa había outros coches parados. Todo era silencio e elefantes que bebían como camións cisterna nas gasolineiras. Nun momento, un deles fixo amago de dirixirse a nós patexando no chan, bramando e levantando nubes de po. Todo era inseguro diante aqueles dinosauros. E alguén dixo ¿e se agora non encende o coche? 



Os campings tamén están rodeando unha poza. En Namutoni, onde estamos, un valado de arame sepáranos da sabana. Diante da poza, a uns cen metros, dispuxeron grades en semicírculo para poder observar os animais. Parece que esteamos no circo. Fomos alí despois de cear pero a parte da función especial do elefante pallaso, pouco mais. Despois de desaparecer o sol, unha luz amarela vai facendo palidecer a area e o azul do ceo faise máis intenso. Todo son siluetas dende o anfiteatro do camping, siluetas lonxanas e unha especie de gruñido que ninguén identifica: ¿serán leóns?.


Ao cabo aparecen, son rinocerontes, unha parella que mantén lonxe da poza centos de animais. Desque empezan a gruñir ata que chegan a beber pasa case unha hora en que ninguén se acerca. Os rinocerontes son poderosos. Ó redor da poza, mantendo a distancia, os orix son os mais atrevidos. No horizonte destacan as siluetas de tres xirafas inquedas e desconfiadas. Un gran rebaño de ñus aparece e vaise na procura de augas máis tranquilas. Hai centos de gacelas. Todos esperan para beber. Os rinos apenas beben, simplemente son os donos. Agora veñen onda nós atraídos se cadra pola luz e refungan moi perto do valado. Escoitase tututum, tututum, cada vez mais cerca. Non son tambores, é un elefante non moi grande que vén correndo de xeito raro, coma se fora un cabalo bravo que acaban de montar nun rodeo. Fai moito ruído e levanta moito pó. Rincha, dá un par de voltas como para saudar e despois bebe sen parar, moito tempo. De cando en vez asusta ós outros animais que se achegan á poza con bramidos e ata corre uns metros detras dos orix que non lle fan caso. Segue bebendo, déitase na area e dá voltas coma un can pulguento. Levántase e rincha de novo. Agora dá voltas en círculos como buscando o rabo. Bebe outra vez e marcha. Durante hora e media que duraron as súas pallasadas os rinos non apareceron; agora que se vai, a poza volve ficar baleira e escóitase o fungar dos rinos outra vez. Algúns animais vanse por fin, sen beber. As xirafas seguen expectantes como derradeiras sombras no horizonte da noite. Todo é negro sobre negro. Seguen a dar o coñazo os rinos e nós, imos durmir.

Estou aprendendo inglés: Only aparece por todas partes, todo es only. Por Ethosa, diferentes días e charcas: diferentes animais. A visión de algúns faiche perder a noción do tempo, hoxe foron os leóns, onte os rabaños de ñus e de gacelas. Vímolos moi lonxe pero sentiámolos perto. A beleza, a dor, o amor... Na natureza todo isto non é máis que vida movendo vida. Nós somos espectadores deste espectáculo dende o noso curruncho de benestar, contemplámolo sen que varíe a nosa orde das cousas. Dentro de pouco voltaremos ao Loch: Mundo aparte, lugar para ricos, illa de luxo fóra da realidade e fame de África...
O cansazo comeza a gañar a partida nesta viaxe: coche e Loch: Namutoni, Halali, Okakuejo. A monotonía invádeche se non tes un obxectivo, e aquí non hai máis obxectivo que observar animais ou pasar o día no loch a poñerte camarón perto das piscinas.

Datos personales