24.9.01

VI De Caprivi a Chove



Se miras o mapa de Namibia, o Caprivi esténdese como unha lingua entre Angola, Zambia e Botswana ata tocar Zimbabwe. É unha zona de comercio onde se fala ou entende portugués como en todo o norte fronteirizo e onde pensabamos comprar artesanía. Todos soñabamos co Caprivi. De camiño aló imos parando en postos da estrada, falando portugués e contentos. Nunha aldea preguntei por unha persoa que, me dixeran, facía tambores. Unha rapaza que vendía tarros de barro levoume até a casa do fabricante no poboado. Non había tambores, só un e non estaba rematado, estaba a secar. Mala sorte. Ao atravesar o poboado fixeime no interior das chozas, non había nada, nin xoguetes, nin roupa, nin auga... Nada. ¿De que vivían? Pois da estrada, de vender tarros de barro e colgantes de todo tipo feitos con sementes de árbores. Mais adiante detémonos noutro posto. ¿Tambores? Non, pero si había xoguetes de madeira infantís e simples. Compraríaos todos pero ¿para que? Estabamos a punto de entrar en Caprivi, que xa imaxinabamos como unha grande feira pegada á estrada. E chegamos a Caprivi, militares e un cartel: NO PASO. GUERRA. Segundo parece hai escaramuzas entre militares angolanos e UNITA e nas persecucións atravesan con frecuencia a fronteira tentando de escapar... Estamos no río Kavango, os camiños ou estradas van sempre seguindo os ríos e, dependendo do perigo, os soldados pasan dun lado a outro xa que nesta época do ano os ríos levan pouca auga e os soldados pouca ferralla, nada que ver coas pelis yankees. ¿Que significaba todo isto? Que non iriamos ó Caprivi, había que facer novos plans, outra ruta que nos levara até as famosas fervenzas Victoria.


De Rundu a Bagani e despois a Mahango, onde o río Kavango pasará a chamarse Okawango, formando un delta de máis de trinta mil quilómetros cadrados que se esvae no deserto de Botswana. É a maior rerserva de animais salvaxes que poidas imaxinar. Desandamos despois de falar coa policía ata Bagani e durmimos noutro paraíso: Popa Falls. As fervenzas escoitábanse pero non se vían. Apareceron entón uns nenos que fixeron de guías ata elas. Atravesamos palmeiras e vexetación espesa escoitando o ruído da fervenza até chegar por fin ó río. ¿Pero onde están? E os pequenos dixeron: Non ponte. Comoro. Un deles asubiou con forza e de máis abaixo, dende un pequeno poboado na beira do río saíron dúas embarcacións, como dúas piraguas escavadas nun tronco: comoros. Con outros dous pequenos a remar contracorrente até chegar a nós. Aseguraron que podiamos ir dous en cada viaxe. ¿Seguro? Si, si... “Big man wan”, dixo o barqueiro ó chegar, e así pasei eu, de primeiro nunha soa viaxe, mollando o cu e deixándome ir no comoro cando a corrente mandaba para baixo e a contracorrente despois, levado polo experto barqueiro, que non sei ben se tería seguro para este negocio. Foron pasando os demais polo río e pola miña cámara e unha vez xuntos, outra vez a andar sobre a area dos illotes que forma o río. E sobre esta area vimos claro o debuxo dun crocodilo arrastrándose. Stop. Miramos para o rapaz, e el coma se nada dixo: crocodail. E seguiu andando, e nós detrás. Despois de ver as pequenas fervenzas e rápidos do río Okawango, ó volver sobre os nosos pasos, o pequeno volveu rir e mirándonos dixo: “Crocodail pequeno, sempre que nos ve escapa”. Tiñan montado un bo negocio aquela panda de minchas. Non discutimos o prezo e quedaron contentísimos. Os máis pequenos aínda nos guiaron até a saída e tamén lles demos as moedas que nos quedaban, pero non entenderon que debían repartilas e aínda despois de subidos no 4x4 seguían repetindo que era inxusto: “Eu guiar ida e volta e só un dólar, outros só volta dous dólar”. Era inxusto quizais, pero non había máis moedas.


Esa noite bañámonos na piscina do Loch. Estabamos cansados, ceamos ben e fómonos desgranando  de un en un para as tendas. Finalmente só Tote e eu quedamos falando e por veces discutindo até ben entrada a noite acompañados por unha copa fresca -facía moita e pegañenta calor- cando de pronto un ruído: catachof, e mais gruñidos e ruídos estraños mesmo detras de nós. Levantámonos asustados: ¡Hipos! Crimos que estaban na piscina tan perto coma os sentimos. Rapidamente veu un garda do camping cun potente foco a tranquilizarnos. Achegámonos con el até a orela do río e puidemos ver os ollos dos hipopótamos navegando na noite, na auga, e lonxe, na outra beira moitos hipos máis. Díxonos o garda que raramente viñan ata este lado do río pero creo que el, igual que nós, sabía que aquel estrondo fóra desta banda. Rodeando o lugar en que estabamos acampados ensinounos pegadas de elefante marcadas na area seca, dixo que era raro tamén. Estaba claro que este era un deses días raros.

Ó día seguinte tivemos que rodear todo o delta do Okawango ata chegar a Maun, unha pequena cidade de onde saen excursións ó delta. Esa noite non durmimos nas tendas do 4x4 senón nunha cabana do loch, con mosquiteira, cama e sabas limpas. Ceamos tamén opiparamente no restaurante. Despois de falar con excursionistas decidimos non parar nesta punta do delta, con pouca auga nesta época, e viaxar directamente á reserva do Chove, onde se xuntan moitos pequenos ríos que despois irán parar ó Zambeze, dándolle máis forza aínda para baixar en cascada en Victoria Falls. Pouco máis de... ¡700 km! Propuxen ir de avión ata Chove pero non houbo quorum. Tote e Cristina foron de carro. Así puidemos ver o delta do Okawango e tamén o Chove dende avioneta: Outro espectáculo. En Maun mentres esperabamos o voo de medio día paseamos pola cidade, pola feira, viaxamos en taxi, e entramos nunha exposición de artesanía feita por bosquimáns, os habitantes do deserto en Botswana e antes tamén de Namibia de onde os botaron a tiros.


A avioneta pousou en Kasane e unha furgoneta no Lodge do Chove. Diante do espectacular río e dunha refrescante cervexa esperamos por Tote e Cristina. Diante de nós, un grupo de excursionistas sentou en círculo ó redor do monitor que explicaba a xornada vindeira. Facíao en castelán e prestamos atención por se nos informaba de algo novo. Xa era case noite. De repente un estrondo, movemento das pólas perto da auga, gritos, a silueta dun hipopótamo e todos a correr e berrar asustados. O hipo deu media volta cunha especie de ronquido ventoso e voltou ó río: choff. Despois do susto case todo eran risas e a cousa foise calmando pouco a pouco. O monitor subiu a tomar unha cervexa preto de nós e despois de presentarnos explicounos que os hipos son os que máis accidentes producen en África e que xa tivera máis dun susto e máis dun accidente serio noutras excursións, pero que a xente seguía empeñada en viaxar por África e estar pegada ó perigo como nas pelis de exploradores. Entre risas e contos comprobamos coma os excursionistas decidían, logo dunha xuntanza urxente, mover o campamento máis arriba, máis lonxe do río.

O restaurante deste Lodge de Botswana era ó aire libre tipo self-service, con mesas e parasoles mirando ó atardecer, os reflexos da luz sobre as aves, as illas, o río, as siluetas de moitisimos animais... Unha promesa de que mañá sería un día completo. Mentres tanto nos puxemos as botas de carne de óstrix, cebra, Kudu e froitos e legumes cheos tamén de cores e sabores igualmente incribles e deliciosos.
De mañá cedo compramos billetes para o barco das tres da tarde, pois era o último e o atardecer sobre o río estaba asegurado. Mentres, visitamos Kasane. 


Ás  quince horas saímos do embarcadoiro nun barco que nos levaría sobre o Chove rodeando as illas que separan Botswana do Caprivi namibio  xusto, xusto... onde nace o mundo: Todos os elefantes que poidas imaxinar, todos os búfalos, voitres, aguias pescadoras, patos, crocodilos enormes, iguanas, monos... a colección do national geografic ó completo... Cando volviamos, ó atardecer, co sol achantándose ós pucos polo Caprivi que non coñecería e as luces quentes sobre as ondas que o barco debuxaba nas augas do río Chove, sentín que esta viaxe terminara...

No hay comentarios:

Datos personales