24.9.01

VII Victoria Falls. O regreso


A 80km de Kasane no río Zambeze, están as fervenzas Victoria -as máis longas do mundo- entre Zimbabwe e Zambia. Eliximos Zimbabwe, un camping, una cidade –Livingston– e dende alí contemplamos as fervenzas as que o explorador puxo o nome da súa raíña. A caída da auga óese desde bastantes quilómetros antes, e se poideses elevarte do chan apreciarías o vapor que producen dende moitos máis quilómetros de distancia. Mentres camiñas ó seu lado estás completamente empapado e tes que achantar as cámaras baixo o impermeable e sacalas no momento xusto da foto. É esgotador o paseo dende o monumento a Livingstone ata a ponte que une Zimbabwe con Zambia sobre o Zambeze.
O fastuoso e un tanto marulo hotel Victoria rodeado de caninos de elefantes por todas partes serve de centro á cidade que vive do turismo, do comercio de artesanía e do cambio de moeda que ofrecen por todas as partes.

A volta foi monótona: era a volta. Tocamos de camiño unha esquina do Kalahari e detivémonos nunha cooperativa de artesanía que levaban uns ingleses en Sehitwa. Comprobamos a imposibilidade de conducir de noite en África: toda a fauna utiliza a estrada para desprazarse e os accidentes producidos por este motivo durante a noite son a segunda causa de morte no país, despois da SIDA. Atravesamos en só tres días Botswana por Francistown, Nata, Maun e Ghanzi, e Namibia dende a fronteira de Buitepos por Gobabis até a súa capital Windhoek –onde fixemos por unhas horas vida de cidade– para chegar á feira de Okahandja, onde unha vez por mes se reúne medio Namibia para comprar e vender.

E de novo Walbis. Como faltaban dous días para a partida aproveitamos para ir de compras a Swakopmund e visitar o deserto de pedra que separa esta cidade de Cape Cross (Crus de Diego), o cabo onde viven miles de focas. Aínda deu tempo de esnaquizar anacos de sal rosa, vermello ou branco-azulado entre as salinas, perseguir reflexos das cores dos flamengos sobre a auga, buscar como se fora xa parte de min a lagoa e o paseo que a circunda, e os pelícanos; para sentir como parte da tarde a area quente na pel, na cara, entre os dedos; para adiviñar todo isto cando anoitece, recolléndome no meu bar favorito sobre a lagoa, sacando fotos de pelícanos cruzando o horizonte que cabe nunha ventá, como trazos de tempo, principio e fin, saída e chegada, Vigo–Walbis Bay, Namibia–Galicia.

No hay comentarios:

Datos personales