30.9.01

I Facer as maletas





Ó longo da vida, Mario, haberá infinitas ideas e pensamentos a rondar na túa cabeza, desexos que coma papaventos estarán prendidos en fíos, a diferentes alturas, diferentes distancias, achegándose ou alonxándose segúndo che vaia indo. Tes que andar atento porque ás veces tirar dun fío ou doutro depende dun momento que pode non volver repetirse.
A casualidade fixo que souberamos de Cristina e Jesús, de Namibia e Walvis Bay, que é o lugar onde viven. Tirei do fío do meu papaventos e África foi facéndose cada vez máis grande, vindo cara min chea de cores e músicas. 


    


Despois de ler a Conrad, África converteuse nunha metáfora, unha á de bolboreta dentro da retina, un soño máis forte cá realidade mesma que relata: Congo. Esta foi a viaxe de Javier Reverte: o pouso que Conrad deixou dentro del, o desexo de saber se todo o que Conrad mete no maxín de quen o le existe, pasear pola mesma e única rúa de Brazzaville, subir contra todo o que naturalmente descende ou permanece impasible nas beiras do río da vida, o río Congo, vivir dentro do seu libro.
E Kapuscinski. A viaxe como vida e a vida a través de Kapuscinski: a espera no deserto, os leóns vagos, a loita coa serpe... É formidable. Despois de lelo verás o mundo a través dos seus ollos... Relámbome ó pensar no tempo de lectura que che espera... Na túa propia viaxe.

Normalmente non gosto da lectura de guías, xente que pensa por ti, que che di onde tes que parar, ou durmir, ou sorprenderte, ou rir. Pero Namibia está moi lonxe, na outra metade, no Sur do mundo, e precisas de ir póndolle nome ós soños, ou polo menos situalos con referentes xeográficos que non son por reais menos soñados. O único mapa que atopei véndese xunto coa guía, así que tamén lle botas –como diría o avó– unha visual, quedando cos consellos sobre as augas, a calor, as vacinas e esas cousas que non vén mal recordar. 
Abrir un mapa é coma un regalo. Trazas rotas cos dedos e a imaxinación circula a velocidades vertixinosas polas estradas, de cidade a cidade, de rexión a rexión, de país a país... !Namibia! Eu nunca antes mirara con atención para este cacho, sempre vía para África enteira ou para Mozambique e Angola por referentes musicais, sobre todo o Zeca Afonso e o noso amigo Alberto Mvundi... E por suposto nunca vira un mapa tan baleiro coma este de Namibia, tanto que pensei que era un mal mapa. Pero os nomes dentro del tiñan maxia: O Namib, Ethosa, Sossusvlei, Walvis Bay, o Atlántico Sur, o Índico, Cidade do Cabo, Kalahari... E un pouco de historia é imprescindible para comprender un lugar tan inmenso, con estraños límites, tan rectos, tan certeiros todos. Todos menos aquela esquiña de arriba que como unha lingua verde se estiraba dende Namibia para chegar entre Angola, Zambia e Botswana ata Zimbabwe: O Caprivi. Tamén iría até aló...

No hay comentarios:

Datos personales