25.9.01

V Territorio Himba




Pasados tres días Jesús recolleunos en Tsumeb camiño de Kaokoland, o territorio himba. Antes de Sesfontein acábanse as granxas e os arames, o terreo é libre para o pastoreo das tribos nómadas que viven en poboados feitos con catro paus e palla. Son os himba que camiñan seminús levando pouco máis cá súa dignidade de pastores de gado que non chegará ó sur de Namibia polos estrictos controis sanitarios que dividen o país con arame e postos fronteirizos. Tamén viven dos turistas deixándonos pasar ó seu poboado-museo ou pondo os pequenos a pedir polos camiños e pistas que atravesan as terras onde viven. Os pequenos piden: Swuite, swuite, e despois: Dólar, dólar. Son fermosos e atléticos, pero non é fácil entenderse con eles, desprezan a nosa forma de vida, fancho notar en cada mirada, cada vez que lles negas ou lles dás algo que xa consideraban deles, na distancia que manteñen, como teméndonos, coma cans desconfiados.


As fervenzas do río Kunene en Epupa Falls devólvennos á África soñada. Podes estar horas mirando e escoitando auga romper contra rochas, pulindo o tempo. Na outra beira do río está Angola, Angola e a guerra, o país máis rico e a guerra máis longa de África. As fervenzas forman bosques de palmeiras nas beiras do río e tamén supoño que pola humidade, pegados ó río hai baobabs, as árbores máis fermosas que conozo. Recollín sementes, tal vez un día as teñamos en casa. O canón que forma o río ten rochas suaves coma pel e cores difuminadas coma teas de seda. O ruído da auga despista o tempo e ficamos alí un bo rato aparvados... A fervenza, as palmeiras, os baobabs, a humidade, as cores... Baixei de último ó camping. Na porta un grupo de vendedores de artesanía rían ó mirarse nunha foto que alguén lles enviou. Estaban serios e dereitos diante dos trastos que vendían. Polas súas risas parecía que fora a primeira vez que se vían nunha foto. Allea os seus risos e sen amosar interese algún polas fotografías, unha muller himba recollía tamen a súa mercadoría. Ela, por suposto, non estaba na foto. 


Ó día seguinte por un camiño de cabras cabalgamos en 4x4 seguindo o río Kunene, atravesando Epupa ata Ruacana. Moitas veces non había nin sequera camiño. Sen todoterreos non sería posible esta travesía. Recordo que Kapucinski falaba no seu libro Un día máis con vida  do camiño de Epupa, “quen controla o camiño controla a guerra posto que non hai outra forma de entrar en Angola dende a Namibia suráfricana”. Os nenos himba saían a pedir ó camiño cando sentían os coches. Outros himba adultos e masculinos facían o camiño a cabalo seguidos pola súa muller e fillos. No camiño tamén vimos comerciantes angolanos. Baixei do coche para falar cun que viaxaba co seu fillo e seu burriño vendendo e comprando cabuxas que lle axudarían a aforrar un pouco e poder irse a vivir a Luanda, dicía. Outro comerciaba con cervexa, vendéndolles ós himbas e ós militares que controlaban os postos fronteirizos. Todos nos pedían de comer e tamén as garrafas de auga baleiras que os himba tamén compraban e utilizaban para facer pulseiras. O máis agradable para min foi poder falar con estes pequenos comerciantes en portugués.


Atravesamos ríos secos, postos militares con vertedoiro particular de botellas, miles, de cervexa. Rompemos unha roda do 4x4, fixemos 70 quilómetros polo camiño de Epupa á beira do Kunene –que moi poucos mortais fixeron– e acabamos desexando unha cidade, un lugar onde transitar en singular, e poder tomar unha cervexa fresca entre máis xente que nós os cinco: Tsumeb outra vez. Demos un paseo para encontrarnos poco despois nun bar atendido por unha portuguesa que, amablemente, así que soubo que eramos españois, púxonos a Julio Iglesias para inspirarnos mentras xogabamos ó billar. Ben, foi o primeiro contacto fóra dos Loch, falamos cos donos do bar, soubemos da riqueza mineral desta cidade, ceamos de restaurante e até nos atrevimos a buscar onde tomar unha copa, pero non, era día de semana e o único lugar aberto era o bar onde acababamos de estar. Alí voltamos.

No hay comentarios:

Datos personales